CONCENTRACIÓN POLA REPÚBLICA O 14 DE ABRIL ÁS 19:30 FAROLA DE URZÁIZ

 

Este mércores 14 de abril ás 19:30 a Asemblea Republicana de Vigo convoca unha concentración na Farola de Urzáiz contra a monarquía e pola República.

Despois de que a pandemia da COVID-19 impedira o pasado ano que a ARV convocaramos a manifestación, este ano, e 90 despois da chegada da República volvemos ás rúas de Vigo e convocamos unha concentración o 14 de abril.

A República foi un momento histórico no que, como indicaba a súa Constitución, traballadores e cidadáns de toda clase se dotaban dun dos textos constitucionais máis avanzados socialmente da súa época. Unha República que trouxo avances fundamentais para o conxunto da maioría social traballadora.

Todos e todas sabemos como acabou tralo Golpe de Estado Militar froito de intereses alleos aos da maioría social. Pois ben, 90 anos despois, os netos dos que acabaron coa República seguen gozando de total impunidade e os grandes poderes encabezados pola Coroa con Felipe VI e o seu pai, o Rei Emérito e presunto delincuente, continúan impoñendo políticas que só benefician á pequena minoría que eles mesmos representan.

Claro exemplo disto é o presunto trato de favor dado ao Rei Emérito Juan Carlos de Borbón por parte da Fiscal Xeral do Estado e do Director Xeral da Axencia Tributaria para que regularizase, con total impunidade, as súas débedas con Facenda. Tal escandalosa actuación, foi o que levou a ARV a interpoñer unha querela diante da Sala do Penal do Tribunal Supremo contra estas dúas importantísimas institucións do Estado por presunto delito de prevaricación administrativa e omisión de persecución dos delitos contra as persoas.

Contra a impunidade, contra a monarquía e por unha República do pobo, o vindeiro mércores 14 de abril convocámoste na Farola de Urzáiz (Vigo) ás 19:30.

ABAIXO A MONARQUÍA!
VIVA A REPUBLICA!

 

 

A %d blogueros les gusta esto: