EL MITO DEL RECICLAJE

NIN GUERRAS ENTRE POBOS, NI PAZ ENTRE CLASES

POR UN MODELO ENERXÉTICO ALTERNATIVO, XUSTO E SUSTENTÁBEL, POR E PARA O POBO

Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, as entidades convocantes queremos chamar a atención sobre a necesidade de rachar co modelo tradicional de produción e consumo de enerxía para acadar unha transición ecolóxica e unha descarbonización da economía socialmente xusta e ecoloxicamente viábel, en contraposición co actual modelo imposto pola Xunta e do Estado español. Desde a Coordinadora Eólica Así Non advírtese de que o actual modelo de transición no eido enerxético só responde aos intereses das grandes corporacións da enerxía e que non contribúe a superar o reto climático, pois segue apostando polo espolio do territorio, a fragmentación de hábitats, a perda de biodiversidade e por unha produción intensiva e centralizada da enerxía que somete cautiva á sociedade.

Un ano despois de que a coordinadora Eólica Así Non conseguise congregar a milleiros de persoas na Praza do Obradoiro para reclamar a moratoria dos proxectos eólicos en tramitación e unha nova planificación eólica, seguimos teimando na necesidade urxente de adoptar estas medidas, pero ademais apelamos a un cambio de modelo enerxético que se enfronte á lóxica do crecemento capitalista, que rache a dependencia entre o aumento do consumo da enerxía e a mellora do noso benestar social. Un cambio de rumo cara a un sistema no que a enerxía sexa concibida como un dereito fundamental da sociedade, que poña o interese público e a protección da natureza por diante do lucro e da especulación e que outorgue aos poderes públicos e á sociedade un papel activo na planificación e na toma de decisións.

OS 9 PRINCIPIOS DUN MODELO ENERXÉTICO XUSTO E SUSTENTÁBEL

manifesto titulado “Temos Alternativa!” asinado por máis de 180 entidades de todo o país enumera 9 principios nos que se debería fundamentar o novo modelo enerxético para ser xusto e sustentábel, e para dar servizo por e para o pobo, e que se resumen a continuación.

A alternativa enerxética que se promove sitúa a protección da Natureza e da biodiversidade como piar básico da transición ecolóxica e por diante da implantación caótica de enerxías renovábeis, como principal forma de resiliencia fronte o cambio climático, tanto en terra como no mar (principio 1). Debe ser coherente coas directivas europeas de protección ambiental, polo que necesariamente ha de contemplar a ampliación dos espazos naturais protexidos como Rede Natura, así como a preservación dos caladoiros de pesca e dos corredores ecolóxicos de especies migradoras (principio 2), as cales deben prevalecer sobre o impulso de novos proxectos de produción intensiva de enerxía renovábel, máxime cando non existe unha planificación racional e ordenada destes aproveitamentos industriais no territorio.

Un modelo enerxético xusto e sustentábel tamén debe coidar e valorar o patrimonio cultural que nos outorga identidade (principio 3), tanto material como inmaterial. A actual invasión eólica supón a ameaza de cando menos o 30% do noso patrimonio material. E tamén condiciona o futuro de actividades tradicionais e estratéxicas do país ligadas ao sector agroalimentario e pesqueiro que proporcionan alimentos básicos para a poboación. Un modelo enerxético alternativo debe ser compatíbel co dereito dos galegos e galegas a acadar a súa soberanía e seguridade alimentaria (principio 4).

Apostamos por un modelo que prime o aforro e a eficiencia fronte o aumento da capacidade de xeración enerxética (principio 5), e instamos ás institucións públicas a cumprir co principio comunitario “eficiencia enerxética, primeiro”. Reducir a demanda enerxética e favorecer a eficiencia son, per se, unha fonte de enerxía e a mellor forma de acadar a soberanía enerxética e abaratar o prezo da luz, que en 2022 bateu o seu récord en 700€MWh.

Eólica Así Non aposta por un modelo enerxético no que Galiza deixe de ser espoliada enerxeticamente e teña soberanía para decidir sobre os seus propios recursos (principio 6), de cara a acadar a autosuficiencia enerxética e a construír un modelo de xeración distribuída e de autoconsumo, no que o pobo e a administración pública teñan dereito a participar na xestión directa da demanda e na xeración eléctrica.

Mais para conquerir os anteriores obxectivos, debemos deseñar unha nova planificación eólica e enerxética con fins socioambientais e ao servizo do país (principio 7) que garanta un proceso de transición ecolóxica ordenado, racional e equilibrado, e participado pola sociedade. O principio 8 do manifesto “Temos Alternativa!” apela pola derrogación das “leis de depredación” e por un modelo enerxético no que se garanta a participación pública fronte aos recortes dos dereitos democráticos, que a propia Xustiza recoñeceu como ilegais en recentes sentenzas.

Por último, apelamos ao principio de precaución para preservación da saúde pública (principio 9) no proceso de implantación de novas instalacións de xeración eléctrica ou sobre as que xa están instaladas próximas a núcleos de poboación, así como a favorecer estudos serios e rigorosos sobre o impacto na saúde destas infraestruturas.

 

MANIFÉSTATE POLA LINGUA

CONSULTA POPULAR MONARQUIA OU REPUBLICA?

Mañá sábado 14 de Maio en máis 700 mesas distribuidas por todo el Estado (tamén haberá mesas na Arxentina, Noruega, Francia, Uruguai, Luxemburgo ou Reino Unido) podéremos votar si desexamos monarquía ou República.
Podes informarte máis o miudo da iniciativa na web: https://plataformaestatalmonarquiaorepublica.org/

SALVEMOS A ATENCION PRIMARIA

 

A Plataforma SOS Sanidade Pública da Área sanitaria de Vigo, diríxese ao Movemento Veciñal da Área Sanitaria de Vigo mediante este escrito para solicitar o seu apoio e difusión dos motivos que nos levan a convocar unha Manifestación en Vigo o día 12 de maio de 2022:
MOTIVOS DA CONVOCATORIA:
Antes da pandemia da Covid-19, a Atención Primaria e Hospitalaria, atravesaba unha profunda crise
estrutural, con demoras e masificación da asistencia, como consecuencia dos recortes nos orzamentos aplicados polos sucesivos gobernos do Partido Popular. A crise da Pandemia por Covid-19 e a súa patoloxía, significou a paralización da actividade Asistencial tanto da Atención primaria como da Hospitalaria, por medo a que colapsara o hospital, o que determinou non só postergar a actividade asistencial preferente e crónica, senón tamén a actividade cirúrxica non urxente, co incremento das demoras, tanto en consultas como en probas complementarias, así como as listas de espera cirúrxicas. Estímase que en Galicia paralizáronse ao redor de 3.000 das intervencións cirúrxicas, 600.000 consultas e 20.000 probas diagnósticas.
Ao mesmo tempo a administración limitou o acceso aos Centros de Saúde, substituíndo a consulta
presencial pola telefónica e reduciu o aforo das salas de espera obrigando aos pacientes a facer cola
fóra dos centros para recibir atención. Estas actividades hai que recuperalas o antes posible, para evitar o deterioro do propio sistema e empeorar os datos de saúde da poboación. Durante eses meses, os traballadores e as traballadoras da Sanidade Publica recibiron o recoñecemento e a gratitude da cidadanía a súa labor desenvolvida en durísimas condicións. Este recoñecemento abría a esperanza de que tras o estado da alarma sanitaria, o SERGAS impulsase medidas e reformas para mellorar e fortalecer esta primeira liña asistencial, tal como manifestan as sociedades científicas, axentes sociais e sindicais.

Por unha Atención Primaria digna, con profesionais suficientes para atender, con tempo, @s pacientes. A nosa Atención Primaria continúa marxinada a pesar das continuas esixencias dos traballadores dos Centros de Saúde, co apoio da cidadanía, de máis persoal de todas as categorías, de maior investimento, do final das trabas de acceso ás probas diagnósticas ou da mellora da accesibilidade ás especialidades hospitalarias.

Os Centros de Saúde seguen sometidos a unha dirección centrada no hospital, que so foi modificada
de xeito nominal, e que non permite que a Atención Primaria poda xestionar o seu orzamento e os
seus recursos humanos. Mentres tanto as consultas seguen masificadas, superando con moito o límite dos 30 pacientes ao día, e os PACs seguen recibindo unha presión asistencial tamén insoportable, e nestas condicións non teremos nin profesionais da medicina de familia nin da pediatría que queiran traballar na nosa Área. Por unha Atención Hospitalaria con capacidade para atender ao 100% da cidadanía sen insoportables listas de espera.

Na Atención Hospitalaria, os recortes de recursos introducidos pola Xunta no novo Hospital Álvaro
Cunqueiro e a renovación do Concerto co Hospital POVISA fan que a Área de Vigo teña a maior lista
de espera cirúrxica de toda Galicia (12% superior), aínda ocultando ás persoas que están pendentes
de cita ou as que están nunha lista que chaman “non estrutural”.

As limitacións producidas polos axustes de persoal fan que os “ratios” (número de paciente por profesional) do persoal sanitario e non sanitario sexan insuficientes para unha atención de calidade, situación que o propio persoal suple coa súa entrega e profesionalidade. Esta falta de recursos explican as dificultades que padecemos periodicamente nas urxencias hospitalarias ou que persistan os problemas de acceso dos pacientes derivados de Atención Primaria á Atención Hospitalaria.

Por unha contratación digna que permita ofrecer unha atención sanitaria de calidade. Xunto a todo isto, o deterioro das condicións laborais do persoal da sanidade pública, con contratacións precarias e abusivas, fai aínda máis difícil ofrecer unha atención sanitaria de calidade, e condena á emigración as e os profesionais formados que queren acadar empregos dignos. Contra o incremento da privatización e da inequidade. O deterioro da Atención Primaria, provocado pola precarización e a falta de profesionais, ten como consecuencia o incremento das barreiras de acceso e favorece á privatización, coa correspondente  a  fuxida das persoas con maior capacidade económica aos seguros privados (na actualidade xa supón 1un 20% da poboación) e a desprotección das persoas con menos recursos, en consecuencia un aumento da inequidade. Hai que salvar a Atención Primaria e recuperar a Sanidade Pública o antes posible, para evitar un maior deterioro do propio sistema e empeorar os datos de saúde da poboación.

A Plataforma SOS Sanidade Pública da Área Sanitaria de Vigo, non imos deixar que a Covid-19 serva
de escudo á Xunta de Galicia onde resgardarse para non facer fronte ós problemas estruturais que padece a Sanidade Pública de Galicia, dende hai moito tempo: precariedade laboral e falta de inversión. Polo que tras o traballo que están a realizar as Plataformas en Defensa da Sanidade Pública nos ámbitos locais, convocamos unha Manifestación o Xoves 12 de Maio en Vigo, baixo o lema SALVEMOS A ATENCIÓN PRIMARIA. RECUPEREMOS A SANIDADE PÚBLICA“S” para reverter esta situación. Polo que dende A PLATAFORMA SOS SANIDADE PÚBLICA DA ÁREA SANITARIA DE VIGO, ACORDAMOS CHAMAR Á CIDADANÍA A:
1. Instar á Consellaría de Sanidade, a implantación de forma inmediata dunha Atención Primaria digna, con profesionais suficientes para atender con tempo @s pacientes.
2. Instar á Consellería de Sanidade a implantar de inmediato unha Atención Hospitalaria con capacidade para atender ao 100% da cidadanía sen insoportables listas de espera.
3. Instar á Consellería de Sanidade a adopción das medidas estruturais precisas para ter unha contratación digan que permita ofrecer unha atención sanitaria de calidade.
4. Instar á Consellería de Sanidade, a contratar e acabar ca precariedade laboral do persoal, aplicando un “Plan de Mellora da Atención Primaria” que redimensione os equipos multidisciplinares para dar cobertura as necesidades de saúde da poboación.
5. Instar á Consellería de Sanidade, a desenvolver os instrumentos de participación cidadán na sanidade, tan necesarios, para que a cidadanía exprese a súas necesidades e poder actuar con eficiencia sobre os determinantes da saúde.
DENDE A PLATAFORMA SOS SANIDADE PÚBLICA DA ÁREA SANITARIA DE VIGO, SOLICITAMOS DO MOVEMENTO VECIÑAL O APOIO E A DIFUSIÓN DESTA CONVOCATORIA DE MANIFESTACIÓN.